26 de febrero de 2012

EZA046 Rota do Lobo (Melgaço)


A pesares de que se declarara o Apocalipsis por decreto, ou precisamente por elo, acudiron moreas de zombis en desordenada formación o punto de encontro. A Comandante Z case des-falece, máis colleu novamente as rendas e deu por levarnos a espallar a nosa pandemia onde o mundo se chama Lamas de Mouro. Fermosas fragas alfombradas de follasca seca, e penedos espallados por toda a Portela do Lagarto. O Tucho liderou o festín final, en Salvaterra, onde descuartizaron porcos e quicos para os nosos Eivadiños.

Ficha técnica >>


Album de fotos (por Zombi Zero)>>


Album de fotos (por Zombi Xacobeo)>>


Crónica de EZA046 Rota do Lobo: "Zombi experience"

Espertei silenciosa e recollida nun domingo de tonalidades grises. Sen moitas ganas de comunicar nin de facer escoita pensei por uns instantes en chamar para dicir que me quedaba a calor das sábanas pensando que sería un deses dias nos que a maior necesidade é a de durmir e aposentar enerxías que me prepararan para unha nova semana atendendo obrigas. Pero debín pensalo mellor porque saltei dun chimpo da cama e díxenme que a estas alturas da película os meus amigos aceptarían perfectamente o meu talante autista e por experiencia xa sei moi ben que sair ao camiño sempre aporta finalmente o que un máis necesita.

Así que enfiei rumbo ao alto de Puxeiros escoitando música e alegrándome de ver que Lorenzo tamén decidía deixar a preguiza para outra ocasión. Nada máis chegar vín como aparcaban dous Eivadinhos, o Zombi Xacobeo e o "Turbo Lover" (encántame este alias!!), e xuntos fomos ata a cafetería a esperar polo resto da tropa, que nin tardou moito nin chegou desperdigada senón que chegaron todos tan xuntiños que non sabería dicir a quen vin entrar primeiro.

Chegaban xuntos o apocalíptico Zombi Zero coa bela Béatrice e coa Criatura, e pouco máis atrás entraban Mili e os Zombies con Botas. Mentres tomabamos os cafés e me puña da cor das cereixas maduras por un mapa que levaba para un posible roteiro e que resultou ser sacado do blog de Sudando Botas sen sabelo, jaja!, esperabamos por Tucho que había enviado unha mensaxe dicindo que tamén se sumaba á pandemia Zombi.

E así foi como partimos rumbo a Lamas de Mouro nun dia fantástico no que se olisqueaban uns incipientes arumes primaveráis, seis na furgo de Tucho e os outros catro nun coche.

A Comandante ía nerviosa pensando en guiar a nada menos que a nove Zombis Zumbados camiño adiante e durante o traxecto mudou de opinión tropecentas veces en canto ao roteiro, pero entre todos acabamos convencéndoa de que o mellor que podía facer é o que fai sempre, disfrutar do camiño e deixar que a tropa a siga, despóis de todo faino inmellorablemente e temos unha confianza no seu bó facer indudable, pero claro, é o que ten mirar de repente a tanta xentiña baixo a súa guía, parece que unha nunca se adapta a iso.

Non debíamos de levar nin dous kilómetros de pateada cando paramos a xantar, por iso de non desprestixiar a dinámica Eivadinha, a saber: Papatoria e pateada cos bandullos cheos. Por suposto era inevitable que saíran comentarios do tipo de: Para cando a sesta?, ou: Xa podemos marchar!, para casa, claro! Foi aí onde me cambiou a enerxía, non podía ser doutro xeito estando aí sentada debaixo dunha grande árbore custodiosa mentres observaba aos meus amigos expresarse en plena natureza cun talante tan..., pois iso, natural!

Seguimos roteiro bonito nun entorno no que a pedra é presenza contundente, pero ademáis tamén acompañaba a frondosidade tanto do rio coma a medida que iamos subindo, do verde. Deixamos que a imaxinación dese forma aos penedos: Un lagarto, un papa coa súa mitra e a man alzada bendecindo aos camiñantes (non é que eu sexa unha católica apostólica romana moi ao uso pero iso foi o que me pareceu a mín ver nun penedo suspendido na montaña), un paxuriño encollido, cogomelos xigantes pétreos... Dado o que sentía mentres faciamos camiño seguro que habería lamentado quedarme na casa pois a compañía era, coma sempre, inmellorable.

Merendola no alto onde non podiamos apoiar os cús porque os toxos secos parecían espiñas que se cravaban nas carnes brandas. Un ascenso apoteósico, por marabilloso, que fixera anteriormente descendendo e que me deixou claro o diferente que pode parecer o mesmo roteiro feito ao revés. O agasallo de mirar subir a dous corzos montaña arriba en menos de un minuto, mentres nós tiñamos que subir ao noso ritmo, tan diferente! Unha Zombi perdida no lapsus de facerlle un aceño a unha fotografía. Unha aperta a tres bandas na que toquei o ceo mentres me deixaba agarimar e querer. E trás iso tendémoslle unha emboscada á Comandante Z para darlle unha aperta a catro bandas con bico incluído.

Non estaba eu este dia moi faladora, nin tampouco moi disposta a escoitar algo máis que informacións enerxéticas, que desas tiven moitas. Gustoume ver á Criatura tumbado na estepa mentres o seu cabelo brillaba, ou ver ao Turbo Lover acoplado a unha árbore coma se fose unha extensión da súa esencia. Rín dende o máis profundo do meu ventre cando Mili falou do "trípode" do Zombi Xacobeo, ou vendo ao Zombi Zero facéndolle agarimos e fotografías á tropa. Gustoume ver ao Zombi Botas na retaguardia mentres a Comandante se relaxaba guiando, a satisfacción do Tucho subindo montaña arriba sentindo que estaba no mellor lugar do mundo, á saltimbanqui de Mili acompañando ao Xacobeo, e a fadiña de vermello coloreando a paisaxe.

O regreso estaría cheiño de moitos bós momentos pero sen dúbida o mellor de todos foi ese que nos convertiu en adolescentes, en risas por máis de media hora ata doer a barriga e chorar de puro cachondeo linguístico cheo de picardía e de picaresca. O tema foi que atopamos no medio medio do camiño a un par de tortoliños despistados, por iso de que chegaron ao fin do mundo para aparcar e darlle renda solta aos seus instintos máis libidinosos e cuasi primaveráis. O coitadiño deu un chimpo no todo terreo que lles cortou o cortexo en seco. E nós, moi compostos, seguimos cara adiante apenas disimulando un sorriso, pero nada máis sair do espazo emocional dos tortoliños o camiño converteuse nunha mistura de cagadas de lobo e de comunicacións erótico festivas. Bós e grandes momentos que fan alianzas Zombis!

Remate de roteiro impresionante! Non coñecía esa baixada a Lamas de Mouro, foi estupendo baixala sentindo esa clase de podería que dan as grandes extensións con panorama ao fondo que abarcar, facendo que unha camiñante se sinta así, grande grande, e moi consciente da súa minúscula presenza nun universo tan amplo. Precioso ver baixar á tropa mimetizada co ambiente, cos paisanos baixando as vaquiñas, co can pastor comprometidísimo coa súa labor, unha foto desas que se quedan no sentimento.

Churrascada en Salvaterra. Rico rico todo. Repetiremos.

Co meu afecto, aquí corresponsal melodramática nunha nova entrega.

Como diría un que sei eu e moitos máis tamén:
"Bicoliños " máxicos e agarimos sinxelos.

Salo, febrero 012.

No hay comentarios:

Publicar un comentario